O obradoiro de emprego "Natureza no Camiño II" unha oportunidade perdida para Melide

07.08.2019

Melide foi un dos 20 concellos da provincia da Coruña que acadou un taller de emprego en colaboración co concello de Boimorto, froito da colaboración municipal e o apoio da Xunta de Galicia, con 317.000 € que facilitaron o finanzamento do proxecto.

O obradoiro "Natureza no Camiño II" foi unha aposta dende o primeiro momento pola recuperación dos espacios verdes do Camiño de Santiago ao seu paso por Melide, sendo un eixo prioritario no que o goberno local de Dalia García sempre puxo a súa atención. Boa proba desta estratexia é que o Concello de Melide foi galardoado cun premio de recoñecemento do coidado dos seus espazos verdes no Camiño froito do traballo desenrolado no primeiro obradoiro que Melide tivo en solitario. 

O proxecto de Melide no que alcanza ao Camiño de Santiago incluía a recuperación da marxe esquerda: programouse o plantado de céspede natural, reorganización de espacios, eliminación de puntos de feísmo así como a construcción dun reloxo de sol coa forma característica da cuncha da vieira. Aquí vos deixamos unha recreación de como sería de maneira aproximada a obra programada para este tramo do camiño. 

O pasado 31 de xullo os poderes vivos do Concello, Alcalde, Tenente Alcalde e Concelleiro de "x+1" carteiras, recibían ao Delegado Territorial da Xunta de Galicia na provincia da Coruña para a clausura do obradoiro mencionado. 

Foi unha pena que non aproveitasen dita recepción para a foto in situ e así explicarlle ao delegado o porqué de non rematar o proxecto do obradoiro. 

Sabemos da implicación total do equipo docente, do personal de xestión e de todo o alumnado. Da ilusión e do tempo investido na creación e recuperación desta marxe do Camiño de Santiago á altura da parroquia de Furelos. Agradecemos así como felicitamos que cada un deles e delas poidese rematar este obradoiro con éxito. 

Pero por outra banda, lamentamos enormemente que por falta de dilixencia municipal, por desviar a atención cara o reparto de sillóns, parcelas e soldos durante máis de tres semanas, pola parálese absoluta a que se someteron todos e cada un dos departamentos municipais vexamos este proxecto sin finalizar, sen entender o porqué de non poñer os medios materiais e humanos necesarios para que Melide fose de novo unha referencia nos espazos verdes do Camiño de Santiago.