O que sería o VI Mercado Medieval de Melide e non foi

14.08.2019

Decidir non apostar polas propostas culturais doutros gobernos contrarios é moi licito pero dende o noso punto de vista é pouco comprensible cando as actividades funcionaban ben e aportaban dinamismo turístico, e porque non dicilo, tamén económico da nosa vila, como era o caso do Mercado Medieval de Melide. Era tamén unha maneira de poñer en valor unha zona do casco antigo cun enorme potencial patrimonial así como un petisco que mataba a fame, permítindonos a metáfora, antes dese gran banquete que é o San Roque de Melide.

Desta vez Melide, a súa zona antiga, as súas xentes, turistas e peregrinos quedaron sen poder desfrutar desta antesala do San Roque, a festa grande anual por antonomásia, na honra do santo máis peregrino que inicia hoxe a súa andadura segundo reza o cartel.

As teorías para tirar por terra o conseguido ata o momento, isto é, que o evento medrase tras cada edición, e xa serían sete coa do 2019, poden ser variopintas aínda que no fondo pensamos que a auténtica causa reside naquilo do "odio ao outro" ou mesmo o "menosprezo" por aqueles eventos que non teñen unha marca política de nacemento asinada polo actual goberno local poden explicar perfectamente a negativa á celebrar a feira.

Agora tócalles aos que acusan á Feira Medieval de Melide de "evento comercial e mercantilista" poñer a funcionar a súa inmensa, superior e inesgotable imaxinación para atraer centos de visitantes á nosa vila, para que o nome de Melide soe con forza por toda a xeografía galega como o fixo ata o momento e para que o dinamismo económico tamén sexa beneficioso para a economía local. 

Mágoa que se critique a Medieval de Melide como un intento estéril de "recuperación identitaria" sen embargo se aplaudan e se acoda en masa a iniciativas como o "Arde Lucus", como un exemplo de centos, que logo non son creadas sobre un relato moderno cuxo único fin é o turismo? Polo momento, en Melide, quedamos sen Medieval por un tempo...