O PP de Melide mostra preocupación polo estado da auga da traída municipal

05.06.2022
  • Veciños, hostaleiros e comerciantes alertan dunha situación preocupante.
  • O goberno bipartito de AM-PSOE despois de varios días non dá nin unha soa explicación mentres a empresa concesionaria alerta nunha comunicación ao Concello "situacións coma esta, e máis prolongadas no tempo, poden derivar en considerar a auga como non apta para o consumo ou á suspensión da subministración".

Melide, 3 de xuño de 2022.- O PP de Melide vén de rexistrar unha pregunta por escrito de cara o vindeiro pleno para que o goberno bipartito deña as explicacións oportunas sobre a desidia á hora de dirixirse aos veciños nun asunto de saúde pública e interese xeral. Lamentamos que esta situación de preocupación por parte dos sectores de Melide coma a hostalería ou outros servizos públicos ou a cidadanía en xeral non teña unha resposta rápida: catro días consecutivos de silencio dos responsables municipais con auga turbia e con cheiro apreciable. Este é un tema prioritario onde nós como representantes dos melidenses deberíamos de ter sido informados de primeira man ao tempo que en situacións de emerxencia coma esta estaremos sempre ao carón dos intereses dos melidenses. O que non imos permitir é unha calada por resposta e os que cobran por xestionar se vaian de fin de semana mentres a empresa concesionaria alerta de posible suspensión do subministro e de auga non apta.