O PP de Melide mostra a preocupación que lle trasmiten os veciños e veciñas ao detectarse “tiróns” a plena luz do día no centro da vila

30.06.2022
  • O PP de Melide reclama máis efectivos de seguridade en Melide e comarca ao facerse eco das demandas veciñais que durante estes días lle veñen de chegar á formación por parte dos veciños e veciñas.
  • "Prodúcense tiróns coincidentes coas datas de cobro de pensións entre persoas vulnerables como sucedeu estes días; con máis presenza policial poderíamos evitar ditas actitudes ou polo menos, persuadir aos ladróns destes comportamentos" sinala a portavoz popular, Dalia García.

Melide, 30 de xuño 2022.- O PP de Melide reclama máis presenza e seguridade no centro urbano melidense, por exemplo, nas proximidades das entidades bancarias co fin de evitar situacións de inseguridade como as que se veñen de producir nos pasados días.

"A xente que se achega a cobrar a pensión é o obxectivo destes colectivos organizados quen estuda antes o territorio; instamos ao goberno bipartito AM-PSOE que se sensibilice con este tipo de problemáticas e nas súas asiduas reunións coa Delegación da Goberno soliciten reforzo de persoal de seguridade para os meses de verán nos que a poboación medra moito máis na nosa vila" sinala a portavoz do PP, Dalia García, quen ademais apunta "agardemos que esas reunións que se producen fóra de axenda política, non sexan todo o infrutíferas que levan sido ata o momento; polo menos que a quen lle corresponda, se sensibilice cos temas que afectan a Melide e a comarca"

Dende o PP instan a que estas situacións de risco para a poboación que acude a retirar efectivo nos últimos días e primeiros de mes se minimicen e se tome conciencia da necesidade de tomar medidas o antes posible.