O PP de Melide insta ao goberno local a posibilitar unha Radio libre e plural
- A Constitución Española establece que os medios de comunicación públicos teñan que ser plurais e representativos das forzas políticas que obtivesen representación, sendo este un precepto constitucional sometido a un nivel de protección superior a outros.
- Isto pouco lle debe interesar ao goberno bipartito de Adiante Melide e mailo PSOE xa que dende antes de Nadal puxemos en coñecemento dos responsables municipais a nosa imposibilidade, ata o vindeiro xuño, de acudir á radio municipal na quenda reservada para os partidos políticos os mércores. Seguimos sen ningunha resposta, a pesar de propoñer varias solucións ao goberno de Prado e de Pérez, apunta a portavoz popular Dalia García.
No día da radio, o PP de Melide quere reivindicar unha radio plural, unha radio aberta para que os cidadáns poidan ter información de primeira man e escoitar as diferentes sensibilidades políticas representadas na sociedade.
Recoñecendo o labor dunha emisora pública como Radio Melide, o Partido Popular quere facer fincapé na necesidade de que a nosa formación teña voz nas ondas municipais ao amparo do que recoñece a Constitución no seu articulado, é dicir, a radio debe ser plural e debe ter un espazo no que todos os partidos políticos poidamos participar.

Así as cousas, o PP de Melide reivindica unha solución para participar no programa que, tradicionalmente, se viña facendo na emisora local, un espazo rotatorio, entre as forzas políticas do municipio de media hora todos os mércores no programa da tarde.
O PP de Melide presentou, o pasado decembro, unha solicitude na que expoñía que por imposibilidade sobrevida de carácter laboral, os mércores non podería asistir ao programa durante, a lo menos, o primeiro semestre do ano, propoñendo ao executivo local a posibilidade de gravar a entrevista para emitila no espazo reservado ao Partido Popular.
Dous meses despois, dende o PP, apunta a súa portavoz, Dalia García, "non temos ningunha contestación do que simplemente é unha cuestión de decoro institucional e depende soamente da boa fe do goberno en cuestións de intendencia municipal; con esta censura previa a que se nos está sometendo, demóstrase unha vez máis o carácter pouco construtivo e propio dunha seita de quenes hoxe, parecen esquecer que nos representan a todos".