O PP de Melide insta ao goberno bipartito municipal AM-PSOE a instalar no polígono vixilancia permanente para investigar a procedencia dos últimos vertidos

08.06.2020
  • Logo dos acontecementos que foron denunciados durante a pasada fin de semana pola Asociación Troiteiros Río de Furelos e que de maneira reiterada tamén apareceron no día de hoxe, dende a formación popular melidense instan ao goberno local a que instale vixilancia permanente no parque empresarial durante as 24 h ata detectar o/os responsable/s deste novo atentado ao medio.
  • Alén de que o PP non ten datos para afirmar que o actual bipartito local AM-PSOE realizase os pasos que a auditoría aconsellaba para a regularización de cada empresa instalada no parque empresarial, dende que o PP non está no goberno municipal téñense sucedido lamentables sucesos desta índole.
  • "O alcalde e os seus socios de goberno terán que explicar aos melidenses porque no que vai de mandato, preto dun ano, non se tomou a determinación de executar a auditoría que o PP deixou feita sobre o polígono industrial ou porque non se avanzou no proxecto de canalización de augas ao polígono industrial, e se quixeran cambiar o criterio, para instalar unha depuradora, porque non se teñen dado pasos en proxectos ou solucións" apunta a portavoz popular, Dalia García.

O grupo popular municipal insta ao goberno local a que instale vixilancia permanente no polígono industrial de Melide co fin de detectar se o culpable ou culpables dos vertidos son persoas alleas ás propias empresas implantadas no parque empresarial que están utilizando a rede de saneamento existente para verter indiscriminadamente ou o problema vén dende dentro. 

Dende o grupo popular apuntan que é fácil instalar unha vixilancia permanente, ben sexa esta dixital ou incluso reforzada con persoal de seguridade privada pola propia situación xeográfica do parque. Isto permitiría por unha banda, cooperar activamente coa demanda de seguridade das empresas instaladas no parque e por outra, discernir, unha vez realizados controis de arquetas, se se trata dunha persoa ou persoas alleas ao mesmo que utilizan indiscriminadamente as instalacións para realizar vertidos. 

Dito isto, os populares reclaman que dende o bipartito local se traballe na liña que o PP deixou fixada hai un ano e da que, lamentan, non teñen noticias; "coa documentación a que tivemos acceso, din os populares, é difícil afirmar que dende o goberno municipal de Pérez e de Prado se tivera executado a auditoría que nós deixamos sobre a mesa; así mesmo, non existe ningunha partida orzamentaria nin para o polígono nin para eliminar o problema de saneamento do Río Furelos"; polo que tememos que todo estea paralizado coas súas correspondentes consecuencias". 

"A acción e contundencia que clamaban cando estaban na oposición demóstrase hoxe en día "papel mollado" vistas as accións do goberno local que non foron máis aló de xudicializar o problema ou botar a culpa á Xunta, que visto está, non é a solución" apunta a portavoz popular municipal, Dalia García.