O PP de Melide insta ao bipartito Pérez-Prado a que faga un axeitado mantemento da área recreativa de Furelos
- O PP de Melide fíxose eco das protestas dos veciños respecto ao asolagamento das zonas de solariumque impiden desfrutar adecuadamente da área recreativa de Furelos.
- "Manter a herba cortada e podada a vexetación non é a única acción que debe realizar o bipartito para manter a área recreativa en óptimas condicións" sinala a portavoz popular, Dalia García, quen insta ao goberno municipal a "que realice o axeitado mantemento dos vasos das piscinas publicas, limpe e desatasque a fonte de auga, encenda o alumeado público e execute dunha vez o proxecto de Augas de Galicia".
Melide, 7 de xullo 2022.- Os populares veñen de recibir queixas da veciñanza nos primeiros días de verán e desfrute da área recreativa de Furelos ao estar unha parte importante do céspede asolagado pola auga impedindo así desfrutar adecuadamente dos espazos libres de vexetación máis propicios ao solarium. Dalia García, portavoz dos populares melidenses sinala que "o bipartito Pérez-Prado debe facer un axeitado mantemento da maquinaria das piscinas e así evitar este tipo de fugas que incomodan a todo o mundo, imposibilitan o paso distendido propio deste espazo lúdico, inhabilitan a mesa de pimpón, enlaman o entorno dando sensación de deixadez e provocan, unha vez máis, que os usuarios se vaian a outras zonas limítrofes a desfrutar dos seus momentos de ocio".
Dende o PP melidense sinalan ademais a necesidade de acender o alumeado público, realizar un reforzo de presenza policial na área fluvial para evitar roubos e desperfectos (os últimos tiveron lugar o día de San Xoán nos baños da área recreativa) entre outras melloras. Non esquecen dende o grupo municipal popular a necesidade de recordarlle ao bipartito Pérez-Prado de executar o proxecto de Augas de Galicia que eliminaría os lodos acumulados pola modificación do leito do río feita no seu momento. "Un concello que herdou 4,5 millóns de euros en aforros netos, que non ten límite á hora de gastalos, un Concello ao que sen moverse do sillón lle dan a solución técnica a un dos problemas estructurais da nosa área recreativa, que diga que non pode executarse a obra porque non hai cartos suficientes é faltar a verdade; as consecuencias desta ineptitude pagamolas todos os melidenses: mentras outros concellos medran Melide esmorece día a día".