O PP de Melide impulsa unha batería de medidas para celebrar o Mercamelide de Inverno
- O grupo municipal do PP de Melide vén de rexistrar unha iniciativa á atención do Alcalde melidense co fin de celebrar o Mercamelide de Inverno.
- "A estas alturas non hai ningunha acción publicitaria sobre do Mercamelide de Inverno; viñemos de reunirnos con parte do sector e o que se nos traslada é que existen dúbidas reais sobre a posibilidade de non celebrar o evento, que é integramente municipal; pensamos que é un erro e polo tanto, solicitamos que se impulse unha campaña para realizar o Mercamelide de Inverno, tradicionalmente a mellor feira de oportunidades do comercio melidense" sinala a portavoz do PP, Dalia García.
Melide,18 de xaneiro de 2023.- O PP de Melide defende e reivindica a celebración do Mercamelide como feira de oportunidades do interior de Galicia co fin de dinamizar a economía local. Mantivemos unha reunión co sector interesado en celebrar a feira, un evento integramente municipal, do que pensamos que debe evolucionar e medrar, pero se hai máis do 50% do comercio interesado o lóxico é que se celebre, sinala a portavoz do PP, Dalia García.
Dende o Grupo municipal popular sería un erro "deixar escapar o evento" que a xuízo dos populares estaba máis que consolidado e que lonxe de eliminarse debería de incentivarse e medrar en cada edición. "Isto é unha mostra máis da deixadez e da falta de ideas do executivo melidense encabezado por Pérez, cando non se traballa estas son as fatídicas consecuencias; aos autónomos, a aqueles que veñen investir ao noso territorio, aqueles que se quedan en Melide como a vila onde van a desenvolver a súa vida, a estes hai que apoialos en todo o que se poida dende as Administracións e o Concello debe dar exemplo" declara a García.
Así as cousas, e consensuado cos afectados, os populares rexistrarán unha solicitude na cal demandan a celebración do evento, a convivencia con outros eventos patrocinados pola Xunta de Galicia así como a organización de talleres infantís, actuacións, reclamos gastronómicos e publicidade como actividades que complementan a dinamización do comercio local. Recórdanlle ao alcalde que o Concello de Melide recibe unha subvención da DX de Comercio para organizar este tipo de actividades, ademáis, de ter en orzamento, 12.000 euros para o Mercamelide. Dende o PP "agardamos que nos vindeiros días se tome unha decisión e que sexa a máis adecuada para todos, sobre todo para o sector, que non é outra que a celebración do evento".