O PP de Melide exise máis e mellor mantemento nos elementos patrimoniais de Melide
- O Pp de Melide vén de detectar que, nun ano Xacobeo de recuperación por excelencia, onde Melide debe ter unha imaxe "impoluta" está moi lonxe de acadala.
- Dalia García, a portavoz dos populares melidenses sinala que "lonxe de coidar aquelo que é un motor importantísimo para a nosa economía local a praza do Convento está sen luz, o Cantón de San Roque atópase sen mantemento con fochancas na N-547 e no propio pavimento de cantería, por non falar de Sabián e os camiños periurbanos nos que a maleza é a foto de todos os días"
Melide, 24 de maio 2022.- O Pp de Melide móstrase preocupado polo estado e pola imaxe que está dando a vila aos turistas e veciños. Lamentablemente vivimos nun Concello onde cada vez se pagan máis impostos pero a imaxe é penosa: o Cantón de San Roque, epicentro da vila, atópase nun estado de abandono: a pedra de cantería está fendida en moitos sítios sen que ninguén tome conciencia, a N-547 en pleno ano Xacobeo ten un estado de conservación nulo, a fonte dos catro caños, elemento fundamental do centro de Melide ten un olor e un aspecto insalubre, por non dicir que a praza maior da nosa vila e a máis emblemática onde se xunta o Camiño Primitivo e o Camiño Francés apenas se pode desfrutar nesta primavera porque se atopa sen luz. Para a portavoz popular "é un síntoma máis dun goberno bipartito que a pesares de que ten as necesidades diante das súas narices é tal a cegueira que non son capaces de ocuparse do máis esencial e coidar a imaxe da nosa vila; mesmo as bandeiras oficiais que penduran da casa consistorial se atopan rachadas". O grupo municipal popular pide mais e mellor implicación do bipartito xa que nin Melide nin os melidenses, ao seu xuízo, merecen semellante desleixo.