O PP de Melide esixe inmediatamente e sen dilación pasarelas de acceso ao comercios, hostalería e domicilios da Rúa de San Pedro que cumpran con toda a seguridade para peóns
- O PP de Melide esíxelle ao responsable municipal último das obras, o alcalde J.M. Pérez, que implante "sen dilación" pasarelas de acceso aos comercios, establecementos hostaleiros e domicilios na rúa de San Pedro ante a falta de seguridade nas obras e da posibilidade de desenvolver adecuadamente a actividade comercial, a vida cotiá e a hostaleira.
- "Comerciantes que acusan perdas ao ter que pechar os seus comercios por non poder acceder os consumidores aos mesmos, veciños e veciñas que non poden acceder ás súas vivendas con total seguridade, así como o desvío mal sinalizado do Camiño de Santiago son froito da improvisación e da carreira cara adiante que Am-PSOE están realizando neste momento ante a presión da proximidade das eleccións municipais" sinalan os populares melidenses.
- Dalia García, portavoz dos populares melidenses "esixeremos que se respecten os sectores que deixan riqueza na vila; é posible convivir con obras; todos os veciños e veciñas de Melide practican o sentido común e saben que as obras deben realizarse pero sempre dentro da seguridade, dentro dun orden e dunha planificación que Pérez e o seu socio non teñen"
Melide, 24 de outubro de 2022.- O Pp de Melide rexistra unha solicitude para analizar o plan de seguridade da obra que está executando o Concello de Melide na rúa de San Pedro.
Os populares melidenses apuntan que no primeiro POS que o bipartito Pérez-Prado aprobou a obra da rúa de San Pedro e estes xa advertiron de que non era das obras máis prioritarias do casco antigo e que había moitas rúas con peores pavimentos máis o bipartito fixo oídos xordos incluso ao coincidir a execución da mesma co ano Xacobeo.
Aínda que os populares aplauden que conseguiron dilatar a execución ao segundo ano Xacobeo despois da pandemia para salvagardar o interese xeral, consideran que esta non é maneira de tratar ao sector hostaleiro e comercial da vila nunha das súas principais arterias do casco antigo: esta obra debería ter un plan de accesos seguros mediante pasarelas así como unha planificación inmediata de cara a duración das obras; pola contra o que temos agora mesmo é o peche inducido de comercios que están perdendo a tempada de outono/inverno en épocas moi propicias á venda: inicio de cursos académicos universitarios e escolares así como as compras pre-Nadal, por exemplo.
Dalia García reitera "chegaremos a onde teñamos que chegar para que o plan de seguridade da obra se cumpra integramente, se respecten as actividades comerciais que fan de Melide o que é, un pobo dinámico e vizoso, e non consentiremos ningún tipo de abusos" avanzan.