O PP de Melide denuncia que o bipartito Pérez-Prado devolveu 102.339 euros do POS social da Deputación da Coruña

22.07.2022
  • O PP de Melide informa á veciñanza que o goberno bipartito de Melide devolveu 102.339 euros do Plan Social que a Deputación de Coruña convocou para gastos na pandemia.
  • Dalia García, portavoz do PP de Melide, sinala que "resulta significativo a incapacidade xestora de Pérez-Prado supoña a devolución de case 103.000 euros en gasto social que puido xustificarse en máis e mellores servizos sociais aos melidenses"

Melide, 22 de xullo de 2022.- O Pp de Melide vén de detectar do análise da documentación á que tivo acceso o grupo popular recentemente a devolución de case 103.000 euros á Deputación da Coruña en réxime de gasto non executado do Plan Social que o organismo provincial convocou para axudar aos Concellos na loita contra a pandemia do COVID-19.

Así as cousas os populares, cualifican de "escándalo" que se produzan este tipo de erros de xestión "son cartos dos melidenses, que lles corresponde por dereito pola recadación de impostos que a Deputación realiza en nome do Concello e que nos momentos máis duros da pandemia non se traduciron en liberar fondos para outras políticas sociais: o bipartito de Melide, a pesar de ser un dos pobos do Camiño de Santiago, non foi capaz de articular, por exemplo, axudas económicas para o empresariado e os autónomos que se viron afectados polos peches de meses o que, analizado a día de hoxe, coa devolución de case 103.000 euros constitúe unha auténtica temeridade na xestión económica e social do concello".

Para os populares melidenses a devolución desta axuda social convocada expresamente para os Concellos "é a constatación de que o bipartito Pérez-Prado é incapaz de defender os intereses de Melide e os melidenses que ven como día a día mingua o seu poder adquisitivo e comercial coa desastrosa política local que estamos a sofrer".