O PP de Melide cualifica de “esperpéntico” a retirada dos niños de cegoña da torre da igrexa de San Pedro
- "Os prazos e a lei hai que respetalos, facer as cousas máis sinxelas de forma atropelada e ás présas ten estas consecuencias: as cegoñas volven aniñar e non se lle soluciona o problema á veciñanza", sinala a portavoz popular, Dalia García.
- Dende o grupo popular melidense foron varias as chamadas de atención ao bipartito local para que limpase a rúa Mestre Segade Bugueiro durante o ano pasado e novamente ao volver as cegoñas este pasado xaneiro ante as queixas da veciñanza.
- Dende o PP sinalan que o permiso para a retirada é de hai un ano, o que demostra unha vez máis a falta de axilidade e dilixencia para executar actuacións diarias sen complicación algunha coma esta das que, recordan, xa había precedentes no Concello de Melide.
Melide, 3 de febreiro de 2023.- O PP de Melide cualifica de "esperpéntica e rozando o ilegal" a actuación do Concello de Melide ao retirar o pasado luns os niños de cegoña que estaban afincados na torre da igrexa parroquial de San Pedro.
"Os traballos de retirada fixeronse tarde, mal e arrastras", din os populares melidenses, ao sinalar que deberan facerse mentres as aves non retornasen para a cría e as parellas de cegoña xa tiñan aniñado o pasado decembro; a isto engadéselle que non se trasladou o niño a outro lugar próximo como é preceptivo e se procedeu á súa destrución coa conseguinte consecuencia para o hábitat destas aves; temos entendido que o permiso para retirar os niños obriga a poñer elementos disuasorios toda vez que foi concedido nos termos de perigosidade para os bens e persoas ante a localización do mesmo, xusto na torre da igrexa parroquial de San Pedro, paso obrigado para veciños, veciñas e peregrinos, en pleno Camiño Primitivo".
Compartimos aquí a imaxe das cegoñas na torre da igrexa parroquial unha vez destruído o seu hábitat.

"Cando as cousas se fan mal ocorren estas cousas, as aves non tardaron 24 h en iniciar a reconstrución do seu niño; por unha parte debería de poñerse un elemento disuasorio (ben sexa auditivo ou material), por outra a retirada tería que terse feito moito antes do retorno das aves e non agora e por outra, de retirarse hoxe debería de trasladarse o niño a un lugar adeucado, pola contra, esta actuación queda en nada: as aves voltarán aniñar coa consecuencia de que ata a próxima tempada non poderá moverse o seu niño, e a veciñanza, seguirá sufrindo a suciedade e a perigosidade tanto para o ben a protexer, igrexa parroquial, como para os propios viandantes" declara a portavoz municipal, Dalia García.