O PP de Melide considera un “fraude” que o bipartito AM-PSOE utilice un “contrato de patrocinio” como subterfuxio para cobrarlle cotas aos locais pola organización da Foliada de Melide
- O PP de Melide cualifica de "fraude administrativo" a utilización dun "suposto contrato de patrocinio" que se oferta aos locais de hostalería melidense solicitándolles unha cota económica que pode chegar ata os 500 euros como subterfuxio para cobrarlle unha "cota supostamente voluntaria" para a organización da Foliada de Melide.
- "Dous anos sen eventos, dous anos sen axudas directas por parte do Concello aos autónomos e as empresas melidenses, e o primeiro gran evento post-COVID, cunha facenda saneada, con aforros municipais por un montante de 4,5 millóns de euros deixados polo PP, ao bipartito de Pérez e de Prado ocórreselle a peregrina idea de cobrarlles un imposto revolucionario aos locais tinguido de "contrato publicitario de patrocinio" sinala a portavoz do PP, Dalia García.
Melide, 22 de abril de 2022.- O PP de Meliderecibiu varias demandas de hostaleiros en busca de información, nos que se puxo en coñecemento a des información recibida por parte do Concello nunha carpeta repartida no seu establecemento sen previo aviso, pola Policía Local, no que se inclúe un "imposto revolucionario" que pode chegar ata os 500 euros para os locais agochado baixo a denominación de "contrato de patrocinio" a favor do Concello.
En primeiro lugar, o PP sinala que solicitará os informes de secretaría e intervención derivado deste contrato de patrocinio que NON conta cunha ordenanza de prezos o que a priori resulta "un fraude administrativo manifesto".
Ademais, tal e como sinala a portavoz popular, Dalia García, "o bipartito AM-PSOE conta cun Concello totalmente saneado, cun aforro de 4,5 millóns de euros a súa disposición cos que non contou ata o momento ningunha outra corporación; partindo deste punto, contextualizando que a Foliada é o primeiro gran evento despois do San Roque que o Concello de Melide organiza e dentro de tal organización lle pida aos locais cotas de 150, 300 e ata 500 euros escudándose nun suposto "patrocinio publicitario para que as actuacións se poidan localizar preto dos seus locais" cando non foi capaz de artellar axudas directas ao sector como si o fixeron outros concellos durante a pandemia, e ademais, leva dous anos de "aforro" ao non poder organizar eventos dinamizadores da cultura é simplemente un disparate de tal calibre que non ten cualificación".
Dende o PP adiantan que chegarán ata o fin deste proceso ao considerar un "auténtico imposto revolucionario á hostaleira a imposición por parte do bipartito AM-PSOE deste imposto revolucionario agochado e enmascarado por un contrato que nin foi explicado aos locais e que tampouco ten cabida na organización de eventos por parte dun Concello que foi capaz de pagar 9.000 euros en expedir tarxetas moedeiro a entidades bancarias pero que non outorgou axudas directas aos sectores máis afectados pola crise do COVID".