O PP de Melide advirte da mala execución da Rúa de San Pedro ao ter unha partida de saneamento dentro de proxecto que non se está a executar

11.11.2022
  • O PP de Melide rexistrou unha solicitude para advertirlle ao goberno de Pérez-Prado da falta de rigor ao executar o proxecto: hai testemuñas gráficas que demostran que non se realiza a partida de saneamento que está contemplada en proxecto.
  • Dalia García, portavoz dos populares melidenses, "é triste que cos cartos de todos e todas os veciños e veciñas de Melide se destroce unha rúa con ánimo de remodelala e o saneamento non se cambie, non se planifique a súa execución obrigando a pechar aos comerciantes sen que ninguén os indemnice e un día sinalado no calendario como é o de Defuntos non saibamos como levar aos nosos familiares de avanzada idade ao Castelo; non se recollan os refugallos de obra como é debido...e así un longo etc"

O PP de Melide ten evidencias gráficas de que a Rúa de San Pedro cuxo proxecto contempla a reposición da rede separativa e o saneamento nas súas partidas non está sendo executado adecuadamente.

"Xa denunciamos a mala planificación na execución, a necesidade de indemnizar aos comerciantes polo obrigado peche das súas portas, pero o máis grave é que analizando o proxecto e inspeccionando a rúa sabemos que se mantén o saneamento antigo cando hai unha partida que o contempla. A priori os enganches que se fixeron nas arquetas parece que cumpren coa normativa pero se analizas as fotografías e os zunchos realizados daste conta que se mantén o tubo de saneamento antigo cun caudal moito inferior ao que debe ter unha rúa rehabilitada e tan so proceden a empatar os tubos de saneamento que rompen con espuma; de aí a présa de tapar todo con formigón sen sequera contemplar mallazo de ferro para que non se produzan afundamentos na propia rúa" sinala a portavoz do PP de Melide.

Dende o grupo municipal popular rematan de rexistrar unha solicitude onde piden un informe detallado sobre a execución das partidas de obra segundo proxecto así como probas gráficas dos saneamento xa que a xuízo do PP de Melide non pode consentirse que "se engane aos veciños e veciñas de Melide levantando unha rúa e deixando o fundamental sen arranxar".

Dende a formación popular tamén sinalan que a falta absoluta de planificación na regulamentación do tráfico rodado ás vivendas, así como ao cemiterio municipal que estes días está especialmente concorrido é unha materia pendente do "desastre de xestión" que estamos a vivir en Melide.