O deporte nacional do goberno de Pérez e Prado: máster en botar a culpa aos demáis

29.08.2019

O goberno local (AM-PSOE) leva no posto 74 días e o mellor que saben facer ata a data é a práctica dun deporte moi de moda neste país: teñen un máster cum laude de botar a culpa aos demáis, neste caso como é obvio, referímonos ao goberno saínte, ao goberno do PP. O concelleiro de deportes de Pérez, o socialista J.Antonio Prado, tomou a peito a súa carteira de "deportes" ao ser número un nesta disciplina deportiva da enciclopedia das banalidades políticas. Sen embargo, é curioso que non se deña conta que agora el forma parte do executivo que pode poñer en marcha as solucións que el mesmo argumentaba cando se sentaba na oposición. Véxamos.  

A última das polémicas que arrecia ao redor do concelleiro de deportes, ou alcalde sustituto tanto por atribucións como por soldo, -xa que o alcalde parece estar desaparecido dende fai días-,  ven dada pola decisión de pechar a porta da piscina climatizada municipal o vindeiro día 4 de septembro aludindo a que "o anterior goberno deixou vencer por dúas veces o prazo para adxudicar a xestión da instalación" segundo reza o comunicado que pode lerse nas redes sociais do concello.

Imos recordar o que fixo o goberno Popular con respecto á piscina climatizada municipal, solución que está na man do novo goberno aplicar, cuestión, tan só de vontade política executar que os que ocupan o pazo da Obra pía de San Antón deben decidir se se pecha ou se abre a instalación municipal para beneficio de todos os melidenses. Está na súas mans aínda que parece que a decisión está tomada.   

O pasado ano, o goberno popular tomou a decisión tal é como podemos ver na nota de prensa anterior de prorrogar a xestión da piscina climatizada municipal ata a resolución da nova licitación aínda tendo a posibilidade de utilizar a prórroga que por defecto incluía o contrato, esto é, de agosto 2018 ata a actualidade, que posibilitaba a apertura da instalación e garantía como sempre o fixemos o desfrute do deporte para todos os veciños e veciñas de Melide ata que se resolvesa o novo contrato. 

Con esta decisión o goberno do PP mostrou toda a vontade política de que, a pesar da dura campaña de despretixio contra a instalación do que o que hoxe ocupa a responsabilidade en deportes no concello fixo durante un ano antes das eleccións municipais, e do que vai ser agora coresponsable, xunto co goberno bipartito de Adiante Melide do seu peche, eramos como goberno quen de garantir a práctica deportiva na vila de Melide e os veciños e veciñas de Melide terían a piscina aberta sendo a xestión da nova contratación un asunto puramente administrativo que non tiña que interferir nin na plantilla de traballadoras da instalación nin nos socios e socias da mesma. 

Pola contra, hoxe día asistimos e sufrimos as decisións dun goberno desbordado, temeroso de salvagardar o interese común de todos os melidenses primando o seu benestar persoal  o que ten como consecuencia o peche dunha instalación que alberga máis dun milleiro de socios obrigando aos melidenses ao desprazamento a outras vilas veciñas para a práctica de disciplinas deportivas variadas, que podían, perfectamente, ofrecerse na súa vila como ata agora. Parafraseando ao gran Unamuno cando sabiamente apuntaba "el racismo se cura viajando" nós preferimos adaptar o famoso dito para o bipartito melidense "el populismo se cura gobernando". 

É máis, a falta de vontade política para tomar decisións de calado é tal, xa que hai que recordar que gobernar é tomar decisións, que o concelleiro de deportes mailo alcalde, deciden que servizos públicos manter e cales non, xa que se, como din, os informes para manter a piscina aberta son desfavorables, a caso non ocorre o mesmo co Conservatorio de Música Municipal? ou non está na mesma situación  Radio Melide do que o seu grupo tamén é responsable? entre outros...

Esa temeridade á hora de gobernar levará a que o vindeiro día 4 xa non poidamos acudir á instalación a practicar deporte; teremos que marchar a Arzúa ou a Palas de Rei no mellor dos casos para facer deporte, deporte a maioría das veces aconsellado e moi vinculado a propia saúde. 

Lamentablemente non só pasara iso, senon que seis traballadoras quedarán en terra de ninguén, xa que ata o momento, non coñecemos cales son os plans do goberno local sobre o futuro da instalación e tampouco sobre o futuro da plantilla da piscina. O que temos claro é que como Partido Popular loitaremos para que os responsables políticos municipais garantan sen ningún lugar a dúbida que ditas traballadoras teñan o seu posto de traballo reservado ata a nova licitación. Non queremos nin sequera sospeitar que se trata dunha persecución política para desvincularse laboralmente das mesmas. 

Tamén barallamos outro escenario que cómpre analizar. Se o problema, a xuízo do goberno local, é a improrrogabilidade do contrato de concesión da piscina, esqueceulles aos membros do goberno local o seu discurso sobre a xestión da piscina climatizada? Os dous tenentes alcaldes, tanto o Sr. Prado como o Sr. Igrexas tiñan xa no ano 2014 moitas ideas sobre a xestión "directa" é dicir, do Concello, da instalación. Imos ver...

"non se pode estar máis tempo sen servizo""esiximos unha solución inmediata xa que provoca enormes molestias e incerteza na cidanía""está demostrado que a xestión pública é rendible cando se fai dende a planificación e o compromiso co mellor servizo" J.A. Prado, hoxe concelleiro de deportes, tenente de alcalde e colaborador necesario do peche da piscina dixit....

Xosé Igrexas, tenente de alcalde e concelleiro de x+1 concellerias manifestaba sobre a xestión directa da piscina: "a xestión indirecta é unha consideración persoal da alcaldesa (...) consideramos que legalmente si se pode contratar personal""decantarse por un modo ou outro de xestión é unha decisión política"

Pois ben, se é unha cuestión política, punto no que estamos dacordo, porque se pecha a instalación? 

Onde está a vontade política da que tanto se falou durante a campaña electoral  por membros hoxe con responsabilidade de goberno para xestionar directamente o servizo?

Cal é o motivo para non garantir os postos de traballo nunha futura licitación? 

O que demostran os feitos é que co goberno do Partido Popular a instalación sempre estivo aberta: garantido o servizo e os postos de traballo. As cuestións administrativas son algo secundario para as cales os veciños e veciñas de Melide confían no goberno para a súa solución. O que non agardaban, nunca mellor dito, levar coa porta nos fuciños.  

Sobre as connotacións psicolóxicas do deporte nacional practicado polo goberno local de Melide  de botar a culpa aos demáis hai ríos de tinta escritos. Sen embargo, como formación política aludida constantemente cremos que para criticar algo, primeiro é mellor coñecelo e ter criterios. 

Suxerimos que a próxima vez que o goberno de Pérez e de Prado se indigne co PP ou queiran botarnos a culpa das miles de dificultades que parecen que teñen paren por un momento e se pregunten se hai algunha explicación alternativa; daranse conta que a simple reflexión do que se fixo no pasado é capaz de frenar o impulso da emoción de botarlle a culpa aos outros.