O bipartito AM-PSOE elude dar explicacións claras e transparentes sobre o estado da rede de subministro de auga potable en Melide

14.06.2022
  • O PP de Melide vén de preguntar no pleno cal é ou foi o problema que dou lugar a que hai dúas semanas durante varios días a auga tivese un olor e un aspecto alodado de dubidosa salubridade.
  • AM-PSOE dando a calada por resposta, publicou nas RRSS un comunicado da empresa concesionaria a xuízo da formación popular"moi inquietante" xa que insinuaba que o problema chegaría a ser grave ou incluso a "provocar cortes no subministro".
  • Dende o PP de Melide consideran que "unha vez máis, dar a caldada por resposta, nun asunto de saúde pública é arriscado e temerario; un goberno ten que informar, é a súa responsabilidade. Respostar con evasivas ao principal partido da oposición que pretende informar sobre un asunto que afecta ao interese xeral e a saúde pública non é un xogo", declara a portavoz dos populares, Dalia García.

Melide, 14 de xuño de 2022.- O PP de Melide presentou no último pleno unha batería de preguntas sobre o estado da rede de subministro de auga que se veu afectada hai unha quincena por un episodio de alodamento e dubidosa salubridade que durou varios días. "So despois de que o PP alertase da situación que era sostida nos días o bipartito Pérez-Prado publicou un comunicado da empresa concesionaria no que non se aclaraba cal era o problema principal; non houbo nin bandos informativos nin comunicados por parte do responsable directo que é o alcalde" apuntan dende o grupo municipal do PP.

Ante esta situación e dando a calada por resposta como é habitual na persoa do rexedor melidense, J.M. Pérez, foron catro preguntas as que formulou o PP en pleno relativas a este tema:

Cal é o motivo polo que o goberno municipal tardou tres días en informar á veciñanza da problemática da traída de auga municipal?

A espera do informe solicitado á empresa concesionaria.

A que se refire a concesionaria da auga no comunicado publicado polo Concello de Melide coas seguintes declaracións "Tamén informarlle, que situacións como está, e máis prolongadas no tempo, poden derivar en considerar a auga como non apta para o consumo ou á suspensión da subministración"?

Ao mesmo que ten nformado aos gobernos anteriores.

Contestou o Concello de Melide aos requirimentos feitos por Augas de Galicia respecto á información solicitada polo organismos autonómico relativo ao plan de seca e as perdas na rede de subministración?

En trámite

Se a anterior pregunta é afirmativa, de cando é o rexistro de saída?

Respostada na pregunta anterior.

Escurantismo e falta de transparencia na xestión municipal do bipartito Pérez-Prado

Vista a intencionalidade clara do bipartito melidense de ocultar información sobre este asunto o PP solicitará nos vindeiros días o acceso á documentación que ten que ver con este tema, agardando que se respecte a axilidade no acceso á información pública que deben coñecer todos os melidenses."Escurantismo e falta de transparencia na xestión municipal"

Ao fío desta situación da rede de subministro de auga municipal o PP preguntou sobre a resposta que Augas de Galicia lle solicitou ao goberno de Pérez e Prado hai máis de dous meses e que o bipartito non contestou. "O goberno de Melide sabe que estamos nunha situación de pre-alerta polas baixas reservas hidrolóxicas e aínda así non contesta aos requirimentos de Augas de Galicia, non actúa cando claramente hai un problema na traída municipal de auga, e, ademais de dar a calada por resposta, malgasta auga lavando as rúas cando o organismo autonómico está advertindo da necesidade de contar cun plan de continxencia fronte a seca que Melide non posúe" sinala a portavoz dos populares melidenses, Dalia García.

"Non imos permitir que o goberno máis caro da historia de Melide cuxa xestión eiva o desenvolvemento de Melide e os melidenses non garanta nin sequera os servizos públicos básicos como unha traída de auga en óptimas condicións" sinalan dende a formación popular.