O alto prezo que Adiante Melide paga ao PSOE

30.09.2019

O pasado xoves a corporación melidense reuniuse no segundo pleno ordinario deste mandato. Aínda que adicaremos outros post para explicar algún punto máis do ocorrido na sesión do día 26, non queremos pasar por alto o que sucedeu coa única moción que o PP de Melide presentou para reclamar que o goberno central pagase aos melidenses o que adebeda o Estado aos concellos galegos, e neste caso o que a nós nos corresponde, a Melide e a súa veciñanza.

O goberno do Sr. Sánchez vai á deriva dende o minuto un que xurou o cargo de Presidente e nomeou aos seus Ministros. Esta cuestión está á orde do día, de feito imos novamente a eleccións pola súa incapacidade de pactar, cuestión que non lle é allea ao mesmo PSOE nos Concellos onde se coaliga, iso si, previa peaxe, (á vista está), o que non quita que a Ministra de Facenda constrúa á par innumerables escusas co único fin de non pagar o que se adebeda tanto a Galicia como aos concello galegos.

Vista esta situación e sabedores de que os o Partido Popular de Melide criamos necesario facer un chamamento ao goberno central, ao goberno que goberna a golpe de titular, para que todas as forzas políticas do municipalismo se unisen nunha reclamación única: que cada quen pague o que debe.

Pois ben, cando noutras institucións se acadan acordos de todas as forzas políticas polo ben do veciños e veciñas de cada seu territorio co fin de que a situación de goberno en "funcións" non sexa o parapeto para non cumprir coa responsabilidade de gobernar, en Melide, o peso que o PSOE está a acadar no goberno municipal fixo que os herdeiros do nacionalismo, os defensores dun sistema financeiro independente, non votasen a urxencia de que Madrid pague a Melide e aos melidenses o que debe, e en consecuencia, aos galegos.

En definitiva a autonomía local e autosuficiencia financeira dos concellos foi parar ao lixo para facer seguidismo político das ordes dos socialistas de Madrid aos que claramente o goberno de Pérez está sometido pola peaxe que lle impón Prado.

Lamentamos, unha vez máis, que a capacidade para chegar a acordos en temas fundamentais para Melide sexa frustrada pola liña seguidista deste goberno.

Dende o PP de Melide seguiremos reclamando que nos devolvan o noso.

Deixamos a ligazón á nova na prensa escrita