O PP  solicítalle ao bipartito de Prado e de Pérez "celeridade" na erradicación dos vertedoiros ilegais no rural melidense

23.01.2020

O concello de Melide ten de vello un servizo de recollida de plásticos agrícolas gratuíto a través do cal se organizan os traballos de reciclaxe destes materiais. O PP recorda igualmente que existe, un Punto Limpo no parque empresarial da Madanela, que debe seguir facéndose difusión do mesmo para erradicar condutas reprobables como os vertedoiros ilegais rurais.

Da necesidade de concienciar aos veciños e veciñas así como da potestade do goberno para eliminar estes puntos, é o que esixe o grupo municipal popular ao goberno de Prado e de Pérez. "A pesares de posuír, os melidenses, o goberno máis caro da historia, os responsables municipais son incapaces de xestionar o que é básico: retirar un punto de vertedoiro incontrolado que de non ser limpado a tempo irá engrosando a cantidade de desperdicios alí depositados ata converterse nunha imaxe pouco representativa das nosas parroquias" apunta a súa portavoz e deputada provincial, Dalia García. 

 Por outra banda, o PP tamén propón ao goberno bipartito con dous concelleiros que comparten esta responsabilidade, é dicir, o alcalde X.M. Pérez así como X.A. Prado, que poñan en valor o punto limpo situado no parque empresarial, facilitándolle á veciñanza, como ate o momento, a recollida de grandes vultos para o seu axeitado tratamento. 

Información así como facilidades son o camiño cara a concienciación ambiental que parece que este goberno ten esquecido para o rural, ao xulgar polas fotografías sacadas hoxe mesmo despois de denunciar a pertinente situación nas redes sociais, reiteran os populares.