Fondo pesar en Melide polo pasamento de Mercedes, fundadora da lexendaria Pulpería Ezequiel
Nun día sinalado como o domingo grande da XXX Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide, Mercedes, a última da saga fundadora da Pulpería Ezequiel de Melide, deixounos.
O PP de Melide quere expresar o seu fondo pesar polo pasamento de esta muller e recoñecer o amplo patrimonio inmaterial que lle ten agasallado a Melide co traballo dunha vida: ela mailo seu marido, Ezequiel crearon da nada un imperio que hoxe, fai sonar o nome de Melide alén das nosas fronteiras non so nacionais senon tamén internacionais.
Dos milleiros de peregrinos que recibe Melide ano tras ano, poucos son os que dunha maneira ou outra non teñen escoitado e desfrutado do manxar que supón unha cunca de viño do país acompañado dun bo pan da casa e o pulpo de Pulpería Ezequiel.
Sen dúbida serán os seus fillos e netos, toda a súa familia en xeral, a que máis sentirá a súa marcha, pero en certo sentido, Melide está en débeda con Mercedes e o seu legado: o legado de moitas mulleres traballadoras da súa época que co seu suor e as mans curtidas agasallaron e foron testemuñas de tantos e tantos momentos que melidenses e turistas levamos no peto da nosa memoria.
Por iso, dende o Partido Popular de Melide, cremos que é de xustiza propoñer que Mercedes e o que significa a súa figura para o nome de Melide sexa homexaneada cun monumento público na súa honra por todo o que supuxo a nivel turístico a súa figura, cunha profunda repercusión na gastronomía do Camiño de Santiago.