Descoordinación e discriminación do bipartito PSOE-AM aos taxistas
O grupo municipal popular trasladouse a comprobar ás queixas que recibiu de parte do colectivo de taxistas que foi literalmente "obrigado" polo goberno municipal de Prado e de Pérez a trasladar a parada de taxis sen previa reunión ou consenso por parte deste colectivo.
"Sen teléfono, sen sinalética vertical, sen información á cidadanía dun servizo público fundamental como son os taxis, como todo o que fai este goberno, con nocturnidade e ás présas, creando un claro prexuízo ao colectivo de taxistas e aos propios veciños e veciñas usuarios deste servizo" denuncia a portavoz e deputada provincial, Dalia García.
Unha auténtica descoordinación e falta de acadar consensos con colectivos que ofrecen un servizo público fundamental nun concello como o noso, é o que vivimos a día de hoxe no Cantón de San Roque de Melide, apunta a portavoz dos populares melidenses, Dalia García, no traslado arbitrario da parada de taxis por parte do Concello de Melide.
Os taxistas veñen de trasladar varias queixas sobre o modo que este goberno -ao que os populares dubidan que sexa un goberno dun so alcalde, senón que cada vez máis se escenifica que cada quen vai ao seu aire- mediante unha carta dirixida a todo o colectivo, lles obrigou a trasladar a parada ao Cantón de San Roque sen a previa sinalización, publicidade e servizos precisos para un correcto funcionamento.
Esta mañá puidemos comprobar como operarios municipais retiraban sinais, as poñían no Cantón de San Roque, tamén de maneira provisional, e como usuarios/as desorientados deambulaban polo centro preguntando onde estaba a parada de taxis, apuntan dende o grupo popular. Nin pintura, nin sinalización e o que é máis importante, nin infraestrutura necesaria para exercer a súa profesión, o teléfono, obrigando a dividirse aos taxistas, uns na Rúa Progreso gardando do teléfono e outros na "parada improvisada" a que non tiveron ningunha opción de opinar.
A xuízo dos populares, esta falta de respecto por un gremio como é o dos taxistas escenifica o pouco que lle importa a Prado ou a Pérez chegar a acordos ou escoitar aos diferentes colectivos en función das súas demandas.
O PP tramitará esta mesma mañá unha solicitude para ter acceso aos informes técnicos que validan a opción do goberno local de situar a parada da maneira en que a estableceron hoxe día 8 sen dereito a réplica dos afectados. Esta mesma mañá puido comprobarse a descoordinación no tráfico propicio para accidentes ante a proximidade dunha redonda con moito tráfico rodado no medio da vila.