A Xunta aproba a II fase do saneamento de Santa María: outro saneamento máis financiado por Augas de Galicia
- Executarase un novo colector de saneamento que recolla as augas residuais das vivendas que restan por conectar coa rede e as conduza por gravidade cara ao colector xa executado a ambas as marxes da estrada N-547
- A Xunta achegará 120.000 euros e executará as obras, mentres que o Concello de Melide contribuirá coa cantidade restante, 30.000 euros
- Completarase a rede de saneamento proxectada para dar servizo a unha poboación de 206 habitantes no ano 2040, tras unha primeira actuación coa que se dotou de saneamento as vivendas da parroquia na contorna da N-547, cun investimento superior aos 126.000 euros
- O Goberno galego mantén a súa disposición de cooperación técnica e financeira cos concellos nas súas responsabilidades municipais de saneamento e depuración
O Consello da Xunta autorizou o convenio de colaboración co Concello de Melide para completar a ampliación do saneamento na parroquia de Santa María, que suporá un investimento de 150.000 euros.
A través desta cooperación executarase un novo colector de saneamento que recolla as augas residuais das vivendas de Santa María que aínda carecen deste servizo e as conduza por gravidade para a súa conexión co colector xa executado a ambas as marxes da estrada N-547.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, achegará 120.000 euros. O Concello de Melide contribuirá ao financiamento restante destinando 30.000 euros.
Augas de Galicia tamén levará a cabo a contratación e execución das obras, así como a súa dirección e xestión ata completar a súa finalización. As obras teñen un prazo de execución de 2 meses.
Pola súa banda, a entidade local asume a realización das xestións pertinentes para posibilitar a execución das obras, así como a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.
Esta actuación será cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do programa 2014-2020.
Saneamento de Santa María
Con esta nova intervención a Xunta mantén a súa colaboración co Concello de Melide no impulso da mellora dos servizos de saneamento, de competencia local, na parroquia de Santa María.
Esta actuación súmase a unha primeira fase xa executada pola Xunta e entregada o pasado ano o Concello, coa que se dotou de saneamento as vivendas unifamiliares e edificacións de ambas as marxes da estrada N-547 nesa contorna.
Esas obras supuxeron un investimento superior aos 126.000 euros e centráronse na construción dun sistema de algo máis de 1,4 km de lonxitude que recolle as augas residuais urbanas das vivendas que carecían deste servizo, para seren conducidas ata a rede de saneamento existente na parroquia, e que acaba nun bombeo que impulsa as augas residuais cara á depuradora de Melide.
Esta intervención tivo que ser modificada con respecto ao proxecto inicial debido aos condicionantes introducidos polo Ministerio de Transportes e para afrontar o problema de cota das vivendas situadas na parte inicial do colector da marxe esquerda.
Deste xeito, e co fin de darlle unha solución de saneamento axeitada a eses veciños, a Xunta contratou a redacción do proxecto das obras autorizadas hoxe polo Executivo autonómico, á marxe da actuación xa executada. A redacción do proxecto supuxo un investimento autonómico de 8.500 euros.
As obras que se van realizar agora consisten na dotación dun colector de saneamento de 417,54 metros de lonxitude para a súa conexión augas abaixo co colector existente. Para acometer os traballos será necesario realizar unha perforación horizontal dirixida, paralela á N-547, para salvar unha zona moi estreita entre unha vivenda e a estrada nacional, onde o colector se colocará a máis de 6 metros de profundidade.
Completarase a nova rede con 10 pozos de rexistro e repoñeranse os pavimentos afectados polas obras nas entradas ás vivendas.
Estas obras completan a rede de saneamento proxectada para dar servizo a unha ápoboación da parroquia de Santa María, 206 habitantes no ano horizonte 2040.
O Goberno galego mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz as súas responsabilidades nos servizos de saneamento, depuración e abastecemento e continuar mellorando a calidade de vida da poboación no rural.