A opacidade do novo goberno local (AM-PSOE)

09.08.2019

Fai a penas dez días, neste mesmo medio, falamos sobre o silencio e tamén sobre a transparencia e a súa aplicación no novo goberno local AM-PSOE á hora de acceder á información pública, así como a negativa a convocar a Xunta de Voceiros de maneira urxente e extraordinaria por un asunto que ao noso xuízo era fundamental: o vertido ao rego Piñor que tivo lugar o pasado día 12 de xullo. 

Negativa á convocatoria da Xunta de Voceiros 

O día 19 de xullo solicitamos ao goberno local unha Xunta de voceiros urxente para tratar as últimas novidades e decisións tomadas polo executivo a partir do desastre que tivo lugar o día 12 de xullo no rego Piñor que produciu a maior mortandade no río Furelos dos últimos anos. Deixamos seis días de marxe de maniobra para que se puidese actuar e estudar o caso así como para que a nosa solicitude puidese ser atendida polo novo  goberno bipartito adecuadamente. Consideramos que ante unha situación de tal magnitude debíamos ser pacientes e deixar tomar decisións nun prazo de tempo prudencial a quen agora ten a responsabilidade de gobernar, cousa que non ocorrería se fosemos nós quen gobernasemos, dito sexa de paso.  

Como xa diremos o pasado día 31 nun post neste mesmo medio,  con respecto a si imos ser ou non chamados a unha Xunta de Voceiros, seguimos agardando a día de hoxe, é dicir, a actitude de AM e PSOE deixa moito que desexar:  vontade ningunha de informar de primeira man á oposición sobre un tema de extrema gravidade para Melide. 

Solicitude de consulta de varios expedientes así como solicitude de acceso aos Decretos de alcaldía

O día 11 de xullo solicitamos como grupo político o acceso á varios expedientes de importancia para o exercicio da labor municipal. Entre outros, solicítabase acceso a todo o expediente relativo aos trámites que se fixeran con respecto á Augas de Galicia e a auditoría que o goberno do Partido Popular realizara nas empresas do Polígono Industrial antes de deixar o goberno o pasado día 15 de cuño.

A pesar de que o dereito á información é un dereito amparado pola Constitución Española (artigo 23 CE). 

A pesar de que a súa denegación infundada pode supoñer responsabilidade penal (artigo 543 do Código Penal). 

A pesar de que é un dereito ao que a lexislación ampara a todos os concelleiros, tanto os do goberno como os da oposición. 

A pesar de que o artigo 77 da Lei de Bases de Réxime Local dí que a solicitude deberá ser resolta nos 5 días naturais seguintes á presentación de dita solicitude, enténdendose aceptada cando non haxa resolución denegatoria dictada expresamente, non é ata o día 7 de agosto, 27 días despois da nosa primeira solicitude, 19 días despois do vertido, e de maneira  case milagreira, cando somos notificados de que será finalmente o día 18 de septembro cando se nos autoriza acceder á información solicitada dous meses antes nas dependencias municipais. 

Ese mesmo día (que casualidade!) o pasado mércores, sabemos pola prensa que o Concello de Melide decide poñer en coñecemento do xulgado o expediente do vertido do día 12 de xullo. Nestas semanas tamén constatamos que de maneira recorrente somos nomeados en cada nova sobre o vertido feita polo goberno local. Polo tanto, pregúntamonos, porque entón, non existe dilixencia alguna para que poidamos acceder aos expedientes? Porque, sabedores que a información está reunida e foi remitida ao xulgado, se dilata no tempo o acceso á mesma? Hai algún motivo que o goberno local non quere que a oposición saiba en tempo real?

Reiteramos o noso consello ao novo goberno local de Pérez, de Prado e do terceiro en discordia,  Xosé: máis práctica e menos charlas en canto a transparencia.